Lanzan unha ferramenta informática de xestión integrada do saneamento municipal
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, David Regades, presentou este venres unha xornada, dirixida ao persoal técnico dos concellos e das empresas do sector da auga e do medio ambiente, que terá lugar o vindeiro 20 de decembro e na que se dará a coñecer unha nova ferramenta informática de xestión integrada do saneamento municipal accesible a través de internet.
Esta ferramenta desenvolveuse no marco do proxecto SANePLAN, no que participa a institución provincial xunto ao Instituto Tecnolóxico de Galicia e á empresa italiana Physis SRL.
Grazas a esta aplicación será posible xeorreferenciar infraestruturas, analizar o consumo enerxético, os custes e impacto ambiental, estudar as emisións de CO2, rexistrar e xestionar incidencias, analizar puntos críticos da rede e simular escenarios futuros tendo en conta situacións como novos desenvolvementos urbanísticos ou, nas vilas con carácter turístico, a sobrepoboación estacional.
David Regades adiantou que unha vez presentada a ferramenta instalarase nos catro concellos da provincia que participan no proxecto (Cambados, Ribadumia, Baiona e Vilanova de Arousa) e nos que xa se analizaron, previamente, máis de 425 quilómetros de rede de saneamento.
SANePLAN é un proxecto aprobado pola Unión Europea, dotado cun orzamento de 1,5 millóns de euros para a planificación integrada e xestión sostible do saneamento a través de tecnoloxía de precisión innovadora.