RADIO.- Coñeces a vinculación de Alexandre Bóveda coa orixe de Zeltia?
![Marisa](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/a3e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577155e6db-5735c17382-20160513-patxot-marisa-ciordia-203-ok-pontevedraviva.jpg)
Por Marisa Ciordia
O 17 de agosto leva o nome de Galiza Mártir e o de Alexandre Bóveda, como propuxo Castelao desde o exilio. Unha data na que foi fusilado tras xuízo sumarísimo por "traidor á patria". Unha ignominia que segue sen corrixirse oficialmente. É un dos obxectivos, a "espiña cravada" que segue presente na filla póstuma de Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda Álvarez; e o seu neto Valentín García Bóveda.
Con nai e fillo, falamos dos seus pais/avós no programa Do gris ao violeta de PontevedraViva Radio. Dunha Amalia Álvarez Galego que tras enviudar fixo fortaleza da fraqueza para sacar aos seus cinco fillos adiante, e foi a primeira en perdoar e ensinar o perdón aos seus descendentes. E dun Alexandre Bóveda cuxa figura "non se pode condensar nun asasinato inxusto" como explicaba Valentín.
Así que sen esquecer a súa presenza fundamental no Partido Galeguista, na elaboración do estatuto de autonomía de Galicia do 36, na creación da Caixa de Aforros de Pontevedra, a súa traxectoria profesional en Facenda, etc... apuntamos unha cara menos coñecida: a de contable.
Amalia e Valentín "rescátannos" os nomes de importantes empresas do momento para as que Bóveda Iglesias realizaba a contabilidade. En tales funcións entra en contacto cos irmáns Obella Vidal, cos que participa na creación do Instituto Bioquímico Miguel Servet. Este foi o xérmen do grupo de empresas químico farmacéuticas fundado en Vigo en 1939, chamado Zeltia.