Pedro Volta levaba un par de anos con este proxecto roldando na súa cabeza. Finalmente, para cando conclúa 2017, sería unha realidade. Á súa faceta de ilusionista suma neste caso a de produtor. Esta primeira edición do Festival Internacional Galicia Magic Fest, nace con vocación de quedar, de que ano tras ano se renove e a maxia acompañe estas datas nas grandes cidades galegas. Así o manifestaba Pedro Volta no Cara a cara de PontevedraViva Radio.
Arrincará o 22 na Coruña; os días 26 e 27 en Vigo; o 28 en Pontevedra; e concluirá 29 e 30 en Santiago. Ademais de condutor da gala, Pedro Volta ofrecerá o seu espectáculo. Con el, Yunke, coñecido polo gran público pola súa colaboración no programa televisivo El Hormiguero; o catalán Charlie Mag; os portugueses Ta-Na-Manga; o dúo italiano Disguido e a chinesa Huang-Zheng. "Maxia de grandes ilusións. Maxia con pombas de última xeración. Maxia cómica. Maxia visual. Retos imposibles". Isto e máis para asombrar a toda a familia.