A Deputación adxudica a oito empresas a roza das estradas provinciais
Por Oskar Viéitez
A mesa de contratación da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar os traballos de roza nas estradas de titularidade provincial.
Nesta ocasión, e a diferenza doutros anos, o goberno provincial decidiu repartir en oito contratos diferentes a roza da rede viaria provincial.
Segundo explicou o deputado David Regades, isto permitirá "seguir coas políticas keynesianas de investimento público para o fortalecemento da economía do territorio", xa que cada empresa só pode ser adxudicataria dun lote por un montante de 22.000 euros.
Desta forma oito empresas acometerán simultaneamente labores de roza e limpeza das cunetas con medios mecánicos, retirando pequenas plantas e maleza. David Regades confía en que os traballos culminen en seis meses.
Os traballos iniciaranse de inmediato, tan pronto con esta adxudicación sexa aprobada pola xunta de goberno da Deputación.
Segundo informou o deputado responsable de Mobilidade, Uxío Benítez, cada unha das empresas adxudicatarias rozará un total de cen quilómetros de vías por un montante global de 166.012 euros. O orzamento máximo de licitación era de 173.272 euros, polo que se conseguiu unha rebaixa importante. De feito, cada quilómetro rozado custará á Deputación entre 174 e 193 euros mentres que o gasto estimado de saída era de 216 euros.
A este concurso, adxudicado por procedemento aberto, presentáronse 19 empresas, sendo as adxudicatarias: Multiservicios Contucho, Fontefría, Plantadeza SL, Moreira Gómez, Mantecer SL, Seanto SL, Construccións Obras e Viais SA, e un dos lotes terá que resolverse por sorteo entre asínalas Excavaciones y Obras Melchor SL e Penouriño SL.