Alerta en Sanxenxo por unha fuga de amoníaco nunha conserveira
Por Redacción
Unha fuga de amoníaco nunha nave dunha empresa conserveira de Sanxenxo mobilizou a última hora deste domingo un amplo dispositivo de emerxencias da zona do Salnés, pero non deixou vítimas persoais segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112.
Segundo as primeiras informacións oficiais, a fuga provocouna unha avaría no peche dunha electroválvula nunha nave mexilloeira situada na parroquia de Adina. Unha vez localizada a avaría, e despois de comprobar que as medicións eran negativas, os bombeiros ventilaron a nave.
A alerta produciuse sobre as 20.15 horas deste domingo. Foron os efectivos do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo quen informou ao 112 do suceso tras recibir unha chamada dun particular que lles advirtía dun intenso cheiro a cloro, e de que sentía picor na garganta.
Tras a chamada de alerta, efectivos do servizo de emerxencias de Sanxenxo desprazáronse ao lugar e o 112 puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Ribadumia e Vilagarcía, da Garda Civil e da Policía Local.
O 112 tamén alertou os servizos sanitarios, aínda que non se rexistraron feridos e finalmente non foi necesaria a súa intervención.