O PP denuncia graves problemas de accesibilidade nas beirarrúas da cidade
Por Anxo Lourido
A concelleira do Partido Popular, María José Rodríguez Teso, denunciou a presenza de diversos espazos na cidade nos que se rexistran problemas de accesibilidade.
Entre outros problemas, o ambulatorio Virxe Peregrina e o centro de saúde de Monte Porreiro ofrecen ramplas de acceso que se encontran nunha situación lamentable con lastros levantados e obstáculos no pavimento que dificultan a entrada aos centros de saúde. A concelleira popular afirma que o experimentou en primeira persoa ao trasladar ao seu pai en cadeira de rodas e engadiu "hai fochancas e non podes acceder con normalidade".
Apunta, ademais, que na porta principal do ambulatorio se encontran dúas prazas de aparcadoiro para persoas con discapacidade que están mal feitas e non se coidou o seu mantemento xa que a sinalización aparece borrada.
O Partido Popular reclama o Concello que solucione estes problemas e que tamén actúe en paradas de autobús nas que non se rebaixaron os bordos das beirarrúas, completamente inaccesibles. Poñen como exemplo as situadas na rúa Reino Unido de Monte Porreiro. Dende o PP solicitan que se faga un control dos aparcadoiros para persoas con minusvalidez.
En canto aos problemas de accesibilidade que sofren as persoas invidentes, Rodríguez Teso indica que o mobiliario urbano debe colocarse aos bordos das beirarrúas e non pegado ás fachadas. Ademais, recorda nos toldos deben estar por arriba dos 2,4 metros e que é necesario revisar os pavimentos especiais para que se poidan guiar cara aos pasos de peóns sen que sufran perigo.
Neste sentido, sinala que en Alcalde Hevia, os indicadores levan a que as persoas cegas crucen en diagonal e invadan a calzada afastados do paso de peóns. Tamén indica que en Eduardo Pondal tras eliminar un paso de peóns non se cambiou o pavimento rugoso que indica o traxecto aos cegos. En Joaquín Costa tamén apunta que se instalou unha papeleira colocada xunto a un paso de peóns no que se dificulta a visión dos condutores.
María José Rodríguez Teso indicou que o concelleiro responsable da accesibilidade na zona urbana, Luis Bará, leva meses sen reunirse cos colectivos afectados por estes problemas.