Ao goberno municipal "pouco ou nada lle importa" a accesibilidade, segundo o Partido Popular
Por Alejandro Espiño
Hai 16 meses, o Partido Popular denunciou publicamente unha serie de "importantes" problemas de accesibilidade en rúas da cidade como Alcalde Hevia, Eduardo Pondal ou na urbanización de Monte Porreiro. Todas elas dificultan a mobilidade de numerosos colectivos, sobre todo os que sofren unha discapacidade visual ou motora. E pasado ese tempo, "todo segue igual", segundo a concelleira María Jose Rodríguez Teso.
Só o ámbito do Ambulatorio Virxe Peregrina, tamén incluído na denuncia inicial, foi reformado polo goberno municipal. Así o comprobou a propia Rodríguez Teso, que acompañada por persoal da ONCE, percorreu de novo estas zonas e comprobou que seguen supoñendo un perigo en materia de accesibilidade "e ao goberno local pouco ou nada lle importa este asunto".
As principais deficiencias seguen a ser, sinalou a concelleira popular, que nesas rúas hai pasos de peóns que hai que cruzar en diagonal "e aínda así segues estando na calzada", están mal colocadas as bandas rugosas que indican os lugares onde cruzar a estrada, ou o mobiliario urbano está mal situado, entorpecendo o paso ás persoas con discapacidade. "Non se comprobou nada do que denunciamos daquela", insistiu.
Ademais, María José Rodríguez Teso solicitou ao Concello de Pontevedra máis atención á normativa para a accesibilidade das persoas invidentes e lembrou, neste sentido, os populares xa advertiron que o mobiliario urbano debía colocarse aos bordos das beirarrúas e non pegado ás fachadas, que os toldos tiñan que estar por riba dos 2,4 metros, e que debería facerse unha inspección dirixida a minimizar o número de ciclistas e motociclistas que aparcan os seus vehículos enriba das beirarrúas.
Finalmente, Rodríguez Teso foi tamén moi crítica co recente anuncio do concelleiro Luis Bará de acometer un plan de actuación para sinalizar correcta e uniformemente as prazas reservadas para vehículos de discapacitados, agrandalas e nivelalas coa beirarrúa. Teso lembrou que a normativa que regula estas cuestións data do ano 2008, da etapa do goberno bipartito da Xunta de Galicia.
"Tiveron nada menos que seis anos para cumprila ou polo menos para botarlle unha ollada, pero igual con iso resultaba que tiñan que darnos a razón e, antes que iso, é mellor non facer nada", sentenciou.