Unha muller denuncia as "babosadas duns machotes" que instalaban a iluminación do Nadal
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha muller vén de denunciar as "babosadas" proferidas por uns homes que estaban a instalar a iluminación do Nadal. Esta cidadá relatou un "episodio bastante noxento" que padeceu en Lourizán, na autovía que comunica Pontevedra con Marín.
Segundo puido saber PontevedraViva, cando esta muller camiñaba por esta zona "unha furgoneta con tres machotes que estaban a poñer o alumbrado de Nadal deste concello empezaron a dicir babosadas". A afectada sostén que "como muller que son xa estou acostumada e seguir o meu camiño, cousa que non debe tomarse como normal, pero ao pasar por diante de min por segunda vez voltaron coa mesma teima de machotes contra unha soa muller".
Nesta segunda ocasión a muller decidiu poñer esta situación de acoso en coñecemento do Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Pontevedra "porque creo que este tipo de comportamentos deberían ser recriminados" porque iso é o único que pretende o afectada "polo menos un tirón de orellas" a estes "maleducados machistas".
Desde o Centro de Información á Muller puxéronse en contacto coa empresa contratada polo Concello para instalar a iluminación do Nadal e trasladáronlle esta queixa respondendo desde esa firma que "tomaremos medidas".
ILUMINACIÓNES UMIA DESMÁRCASE DESTES FEITOS
A empresa Iluminaciones Umia S.L. adxudicataria do concurso de instalación da iluminación ornamental no municipio púxose en contacto con esta redacción para aclarar que "non foi a responsable da colocación da iluminación do Nadal na parroquia de Lourizán e polo consecuente que ningún dos seus empregados estiveron implicados no presunto acoso a unha muller".
A empresa "se fora necesario" pon a disposición das autoridades pertinentes os partes de traballo dos seus empregados dos días denunciados.
Finalmente, os responsables de Iluminaciones Umia queren deixar patente o "rexeitamento absoluto aos feitos acontecidos e reivindicar a tolerancia cero ante casos de acoso ou violencia de xénero".
O esclarecemento da autoría dos feitos denunciados non será moi complicada xa que a denunciante tomou nota da matrícula do vehículo que estaban a utilizar os homes que a acosaron.