Se tiveches unha baixa maternal, como tes que facer para reclamar que che devolvan o IRPF?
Por Oskar Viéitez
Unha recente sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid obriga á Axencia Tributaria a devolverlle a unha traballadora as retencións efectuadas sobre a prestación de maternidade.
O tribunal entende que a lei non contempla esa retención e obriga a devolverlle os cartos á persoa que recurriu. Esta é unha situación que se calcula que afecta a mais de 70.000 mulleres en Galicia das que seguro que moitas delas son do Concello de Pontevedra.
O principal problema é que o procedemento é farragoso e complicado, ao que hai que unir que moitas das persoas afectadas dispoñen de poucos recursos para iniciar á reclamación.
O grupo municipal do Partido Socialista cre que "o Concello de Pontevedra non pode permanecer insensible ante situacións como esta que afectan a un colectivo tan desprotexido laboralmente como son as mulleres. A loita pola igualdade implica estar presente nestas situacións facendo que as traballadoras poidan reclamar os seus dereitos e se sintan arroupadas polas administracións mais alá das meras declaracións retóricas" subliñou o voceiro pontevedrés, Agustín Fernández.
Mediante unha moción, o Partido Socialista pide algo que xa se fixo noutras ocasións: buscar a formula de chegar a convenios co Colexio de Avogados para prestar asesoramento legal a estas persoas, indicándolle como poden iniciar o procedemento de reclamación.
"Facemos extensiva nosa petición á Deputación Provincial porque o problema afecta a mulleres de toda a provincia e creemos que ten perfecta cabida nos programas de igualdade que tan exitosamente se están a desenrolar dende a institución provincial en colaboracion cos concellos", rematou dicindo Tino Fernández.