Maratóns solidarios de crossfit e zumba
Por Oskar Viéitez
A Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade e a Vicerreitoría do campus promove cada ano no Pavillón Universitario un maratón solidario de zumba, aberto a todas as persoas interesadas, ás que se lles solicita que acheguen un quilo de alimentos non perecedoiros a xeito de inscrición.
Será o vindeiro xoves 15 de decembro, entre as 20.00 e as 22.00 horas, cando esta actividade celebre a súa décimo cuarta edición, co propósito de contribuír ao labor social que desenvolven no comedor dos Pais Franciscanos de Pontevedra.
Pero ademais, esta cita co deporte e solidariedade estará precedida, por segundo ano, por un crossfit solidario, o vindeiro xoves 8, aberto tamén á participación de toda a cidadanía, á que se lle piden tamén que doen alimentos, así como de roupa ou xoguetes.
Esta iniciativa, aberta tamén a toda a cidadanía, permitirá achegarse a unha disciplina que combina nun circuíto unha ampla serie de exercicios de resistencia, forza, habilidade ou ximnásticos, nos que os participantes deberán ir completando por parellas, dándose relevos, unha serie de repeticións nun tempo determinado.
Conformado por tres roldas, que irán superando as mellores parellas, a actividade que dará comezo ás 16.00 horas abrirase cunha primeira serie de exercicios sinxelos, para que todo o mundo poida facelos sen problema.
Recoméndase inscrición previa no correo crossfitturoqua@gmail.com.