RADIO.- "Cando un home exerce violencia sobre a súa parella, tamén a está exercendo sobre os seus fillos"
Por Marisa Ciordia
problema integral que tiene que ser prioritario para todos y cada uno
PontevedraViva Radio ocupouse durante a última semana de novembro de expoñer diversas perspectivas e voces ao redor da violencia machista. Desde o punto de vista policial, educativo, publicitario, xornalístico, do colectivismo social e feminino. Conversas na Ferrería insiste neste problema social e pon desta volta a mirada sobre os menores de idade.
Carmen Fouces, concelleira de Muller e Igualdade; Rosa Campos, directora do Centro de Información á Muller; e a psicóloga Marta Macía falan desde a experiencia profesional. Expomos dúas tesituras: unha, a dos menores como vítimas na contorna familiar onde se producen estas agresións; e outra, a dos menores como exercedores de violencias machistas nas súas relacións de amizade e de parella.
Rosa Campos apela contra "ese falso mito de quedar nunha relación, por mala que sexa, polos fillos. Hai que chamar ás cousas polo seu nome e cando un home exerce violencia sobre a súa parella, tamén a está exercendo sobre os fillos". Marta Macía urxe a atención a estes menores que viven nunha contorna de agresións machistas porque "están a vivir situacións de desamparo e cuxas necesidades emocionais non están cubertas. As repercusións no presente son evidentes e as futuras tamén poden ser importantes".
Desde o Concello se Pontevedra están a levarse a cabo diversas iniciativas de concienciación, prevención e atención sobre a violencia machista e sobre as súas vítimas. Con todo, como indica Carmen Fouces, é un problema social difícil de abordar: "nós estamos coas mans tentando tapar unha gran presa, ás veces é frustrante, pero estamos a tentalo".
En canto á incidencia e incremento de casos de violencia de xénero entre adolescentes, o panorama segue facendo necesario romper os roles, cualidades, etiquetas, visións ...etc, que seguen mantendo as relacións en desigualdade. E outro engadido, poñer a atención no uso, control e acoso que se está producindo coas ferramentas que agora manexan cos dispositivos móbiles e as redes sociais.