A Policía, axudando a previr delitos desde 50 aulas pontevedresas en dous meses
Por Redacción
Os policías delegados de Participación Cidadá da Comisaría Provincial de Pontevedra son cada vez máis habituais nos colexios de Pontevedra. Nos últimos meses multiplicouse a demanda de centros escolares interesados en que impartan charlas sobre a prevención de delitos de todo tipo, en especial todos os relacionados co acoso escolar e as novas tecnoloxías.
Os datos aos que tivo acceso PontevedraViva revelan que nos primeiros meses do presente curso académico 2016-2017 xa impartiron tantas charlas como en todo o curso anterior. En concreto, desde setembro ata este luns 28 de novembro estiveron en 50 actividades, o mesmo número que entre setembro e xuño do curso pasado, o que implica un aumento exponencial da cantidade de accións demandadas polos propios coles que a final de curso fulminará todas as estatísticas previas.
A última destas charlas foi precisamente este luns no instituto A Xunqueira II de Pontevedra, cunha intervención centrada nas novas tecnoloxías e os riscos da internet. As desta temática son as máis frecuentes, seguidas das centradas no acoso escolar, todo segundo os datos relativos aos colexios do termo municipal pontevedrés.
Das 50 charlas deste curso académico, 43 forman parte das actividades do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas dos ministerios de Interior e Educación e as sete restantes, do programa de Participación Cidadá. Durante o curso pasado, 47 foran do Plan Director e tres do resto.
En canto aos perigos da internet e as redes sociais, a charla impartida ao alumnado da Xunqueira este luns, os axentes trasladaron aos escolares a importancia de adoptar medidas preventivas como ter especial coidado coas fotos, vídeos ou outros contidos que comparten na internet, avisar aos pais ou ás forzas de seguridade en caso de detectar contidos perigosos ou situacións estrañas, non facerse fotos de carácter erótico e compartilas ou non facilitar nunca datos persoais a descoñecidos ou a través das redes sociais. Lembráronlles tamén que nas redes sociais non estamos obrigados a recoñecer como amigo a quen non queiramos.