Asaltan unha escola unitaria en Vilagarcía e arrasan co material informático e o calefactor
Por Redacción
A escola unitaria de Guillán, en Vilagarcía de Arousa, sufriu un asalto na pasada madrugada no que os ladróns se foron arrasando cos equipos informáticos, un calefactor e outro material.
Segundo informou o Concello de Vilagarcía, a mestra foi a primeira persoa en ter coñecemento do roubo, cando chegou á escola a primeira hora da mañá para iniciar a xornada de clases. Atopou as dependencias visiblemente desordenadas e percatouse de que foran substraídos os catro ordenadores existentes no centro, dúas impresoras, un calefactor e outro material.
De inmediato, deu aviso á Policía Nacional, que enviou á Policía Científica a realizar as investigacións pertinentes; á Consellería de Educación; e ao Concello. Os alumnos que ían chegando tiveron que regresar as súas casas ao terse que suspender as clases.
Tras unha inspección ocular, comprobouse que os ladróns accederan ao edificio pola parte traseira, levantando o enreixado do peche ata facer un oco polo que entraron ao patio de xogos. Xa alí, romperon as verxas dunha das fiestras, romperon o vidro e abrírona para entrar por ela ao interior da escola.
O material substraído tivérono que sacar tamén pola fiestra xa que non foi forzada ningunha porta. Ao parecer, os cacos utilizaron un vehículo para levarse o material roubado, xa que pola parte traseira da escola pasa un camiño polo que puido acceder un coche e atopáronse pegadas de rodas.
Ningún veciño se percatou do que estaba a acontecer la escola unitaria posto que a parte traseira do edificio queda oculta da estrada e bastante alonxada das casas da zona.
A concelleira de Educación, Rocío Llovo, e o edil de Seguridade Cidadá, Benito Pérez Dorgambide, desprazáronse ata o centro educativo ao ter coñecemento dos feitos a efectos de organizar as medidas precisas para que a escola poida retomar a súa actividade coa maior celeridade e para tratar de evitar que se repitan situacións como esta. Persoal do Concello procedeu esta mañá á substitución da fiestra e á colocación da verxa protectora, así como á reparación do enreixado do peche e as clases retómanse mañá venres 1 de marzo.