400 globos para estrear un parque infantil con tirolina en Ponte Caldelas
Por Redacción
Os escolares de Ponte Caldelas contan xa cun parque infantil que fora moi demandado polos veciños da vila. Esta nova instalación dispón dunha tirolina e, en breve, completarase con xogos adaptados ás necesidades dos estudantes con mobilidade reducida.
Na mañá deste mércores, os escolares do colexio Manuel Cordo Boullosa participaron da inauguración do parque infantil, que se adornou con 400 globos. O alcalde, Andrés Díaz asistiu á inauguración en compañía dos concelleiros Alfonso Gutiérrez e Manuel Barreiro, que ademais é director do centro educativo.
O parque está dotado de herba artificial en dúas cores e deseñouse cunha zona para os máis pequenos e outra para nenos de idade máis avanzada con randeeiras de última xeración, que substitúen aos antigos elementos metálicos ou de madeira, oxidados ou astillados, despois de máis de 10 anos de uso e deficiente mantemento.
O que máis atraeu aos pequenos e tamén aos maiores foi a tirolina, pero tamén chamou a atención unha rede-pirámide de escalada. Tamén se pode gozar dunha "montaña" de xogos con tobogán, unha cama elástica e unha ampla oferta de randeeiras e balancines.
A obra conta cun orzamento duns 40.000 euros e financiouse con partidas municipais e con fondos recibidos de subvencións da Xunta de Galicia para Infraestruturas entre os concellos galegos de menos de 50.000 habitantes.
O equipo de goberno está a realizar unha mellora dos parques, coa reforma integral dos de Vila, Caritel e Xustáns, ademais doutras reparacións noutras instalacións.