A concentración moteira de Bueu celebrarase a finais de maio
Por Redacción
A sexta Concentración Moteira de Bueu regresará no vindeiro 2017 cunha programación por todo o alto e unha grande expectación xa que, tras o parón deste ano, moitos afeccionados seguen interesados neste evento.
Así o anunciaron este mércores o alcalde da vila, Félix Juncal, e os representantes da directiva do Club Moteiros do Morrazo, Roberto Maquieira, Martín Blanco e Borja Portela.
O evento vaise desenvolver o 26, 27 e 28 de maio de 2017, e estará dedicada a José Manuel Piñeiro, 'Fully', moteiro compañeiro falecido en xuño deste ano.
Para o venres están previstos unha serie de concertos para dar a benvida aos participantes, sendo o sábado o día forte, cunha ruta polo Lago Castiñeiras, unha exhibición de stunt, carreira de motos lentas, proba de decibelios, cea e posterior ruta das antorchas.
O domingo comezará co almorzo, o cal terá este ano unha concepción diferente, xa que desde o Club manterán contactos con toda a hostalaría para así ofertar unha proposta aos moteiros, coa que así dinamizar a economía local. A continuación desenvolverase unha ruta que partirá de Bueu, ata a Madalena e Coiro para regresar pola costa ao municipio bueués. A continuación pecharase o programa con exhibición e motos e entrega de trofeos, nos que se distinguirá, entre outros, ao motoclub máis numeroso, ao máis afastado, ao moteiro de máis idade e ao máis mozo e á moto máis antiga, entre outros.
Segundo anunciaron desde a directiva, a concentración terá este ano unha parte solidaria, mediante a recollida de tapóns solidarios que se destinarán á Fundación Amigos de Galicia, que traballa para axudar aos nenos con enfermidades raras.
Nesta edición o evento contará co apoio do Concello, que se fará cargo da instalación das dúas carpas necesarias e do posible xerador de electricidade, ademais do mantemento da limpeza.