Sanxenxo vai de gala este venres
Por Redacción
Se o ano pasado foi o audiovisual "A violencia nos ollos da infancia" o recurso utilizado pola Concellería de Igualdade para chamar a atención sobre o tema da violencia de xénero na súa gala anual sobre este tema, este ano Sandra Fernández Agraso recorre tamén a un soporte gráfico para continuar a liña de concienciación colectiva sobre este problema social.
Un dos ingredientes máis rechamantes da gala deste ano, que terá lugar este venres a partir das 20.30 horas no Pazo Emilia Pardo Bazán, será unha curta montaxe audiovisual creado por unha moza de Portonovo. Con tan só 25 anos Sarai Deza desborda creatividade e canalízaa a través da fotografía, cun excelente traballo que compartirá este venres con todos aqueles que acudan á gala.
Baixo o slogan xeral de "Cando golpean a unha doenos a todas", Sarai Deza quixo utilizar a fotografía para lanzar unha mensaxe clara a todas as mulleres que sofren malos tratos: Hai saída. Para iso utiliza de fondo das súas imaxes unha marquesiña; a parada do autobús será pois o símbolo común a unha serie que quere transmitir que iniciar unha nova viaxe é posible.
Sarai Deza contou neste proxecto coa colaboración dun grupo de mozos, tamén de Portonovo, que se prestaron a poñer cara a un doloroso problema. Así, Ana Domínguez encargouse da maquillaxe, mentres que Aixa Costas, Lúa Méndez, María Piñeiro e Montse Lueiro convertéronse en modelos para que Sarai Deza dese forma a esta idea.
A ela recorreu Sandra Fernández Agraso tras coñecer unha pequena mostra do seu traballo a través de Facebook."Coincidindo coa violación dos Sanfermíns subín unha foto que titulei "a tortura non é cultura", que xa tiña pensada con anterioridade. A concelleira veuna e chamoume e plantexoume facer algo sobre o tema da violencia de xénero. A idea encantoume porque me gusta reivindicar a través da fotografía".
A Gala contra a Violencia Machista contará tamén coa achega do Laranxo, grupo de teatro dirixido por Hugo Andrade, que escenificará con tres esceas diferentes situacións, a primeira delas será unha homenaxe ás seis vítimas galegas falecidas a mans das súas parellas ou como o Centro de Información á Muller pode ser un apoio importante para quen estea pasando por unha situación deste tipo.
A Escola Municipal de Música fará tamén a súa achega a esta gala cunha actuación do coro.