O raxo, protagonista dunha nova festa gastronómica en Barro
Por Redacción
Barro incorpora unha nova festa gastronómica á súa oferta festiva. O campo de fútbol de Outeiro acollerá os días 10 e 11 de decembro a primeira edición da RaxoFesta, un evento organizado polo Barro CF, en colaboración co Concello de Barro e a Deputación.
O presidente do club, José Sanmartín, explicou que con esta festa buscan organizar un evento "tipo octoberfest" pero cun produto "típico da nosa terra" e tamén desta época do ano, onde se adoita celebran a matanza do porco.
Así, a festa ofrecerá aos asistentes un menú con varias elaboracións de raxo, a prezos populares. O raxo con patacas fritas e o raxo á pementa custarán seis euros, o raxo ao allo serán cinco euros, a empanada de raxo catro e a espetada de raxo tan só tres.
Haberá ademais un menú completo que, ademais do raxo, inclúe polbo e terá un prezo de doce euros.
A RaxoFesta incluirá tamén actividades paralelas. A carpa inaugurarase o sábado 10, ás doce do mediodía, coa actuación do grupo de gaitas Amor Ruibal; mentres que o domingo abrirá xa ás once e contará cunha sesión vermú amenizada polos DJ Zalo e Moe.
Este evento coincidirá coa celebración da cuarta edición do torneo interparroquial de fútbol que cada ano reúne por centos de persoas con equipos de idades diferentes e que representan ás diferentes parroquias do Concello. A competición comezará o sábado ás catro da tarde e a final está prevista para o domingo ás cinco.
Ademais, durante o mesmo realizarase a presentación oficial de todos os equipos do Barro FC. Será o domingo á unha do mediodía.