Sanxenxo saca a concurso a xestión das escolas infantis municipais
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo convocou o concurso para a contratación da xestión do servizo mediante concesión das escolas infantís municipais de O Tombo e do Revel, a través de procedemento aberto.
O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas que opten a xestionar as garderías públicas estenderase ao longo de quince días naturais desde o día seguinte da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, previsto para mañá martes, xa que no BOPPO publicouse hoxe.
O prego de cláusulas administrativas particulares especifica que se trata dunha concesión plurianual, concretamente de 47 meses non prorrogables, e cun orzamento máximo de licitación por ano de 479.960 euros, resultando unha cantidade mensual de 39.996,67 euros. O valor estimado do contrato ao longo de toda a súa duración ascenderá, pois, a 1.879.843,30 euros.
As firmas interesadas deberán entregar toda a documentación esixida, entre a que se atopa unha memoria de xestión do servizo, no Rexistro Municipal do Concello en horario matinal, de 9 a 14 horas e de luns a venres.
As actividades que levarán a cabo, o proxecto educativo, a atención á diversidade, o servizo de cociña e comedor, a relación e comunicación coas familias, o plan de mantemento das instalacións e do equipamento, e a organización do servizo, así como o incremento de persoal de atención educativa son algunhas das cuestións que deberán estar reflectidas obrigatoriamente nos documentos para achegar, nos que tamén poderán incluír outros aspectos que melloren a calidade da prestación.
Relacionadas:
-
Sanxenxo presume do seu investimento nas garderías municipais
Por Redacción |
-
Adxudican a Fesán a xestión das escolas infantís de Sanxenxo
Por Redacción |
-
A posta a punto dos colexios de Sanxenxo xa rematou e custou 50.000 euros
Por Redacción |
-
A vendima é unha festa para os pequenos de Sanxenxo
Por Redacción |
-
As escolas infantís de Sanxenxo terán 110 nenos o próximo curso
Por Redacción |