O renovado aparcamento de Areas integrará o actual piñeiral
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Manter o piñeiral actual e, ao mesmo tempo, renovar o aparcadoiro da zona. É o dobre obxectivo co que traballa o Concello de Sanxenxo en Areas. Esta remodelación permitirá conservar boa parte dos piñeiros existentes nesta contorna.
A obra atópase xa nunha fase avanzada despois de que a empresa concesionaria desta actuación comezase xa a levantar o pavimento para proceder á súa substitución.
Cun orzamento de 51.000 euros, a nova actuación conservará a maior parte dos piñeiros existentes no perímetro de actuación, eliminando as árbores da zona central e procedendo á plantación de cinco novas unidades de piñeiro da mesma especie que as existentes, co obxectivo de ordenar esta área de aparcadoiro.
A actuación consiste en elevar o firme actual da zona de actuación ata unha cota superior ao bordo perimetral existente, aproximadamente 15 centímetros, dotando á área de aparcadoiro dun novo firme con lousas prefabricadas preparadas para a plantación superior de céspede, na zona onde se sitúan as árbores e pavimento a base de mestura bituminosa en quente nas zonas de rodaxe.
O aparcadoiro anexo á praia de Areas atopábase moi deteriorado, co pavimento levantado debido ás raíces dos piñeiros, e os bordos esnaquizados pola mesma causa.
O proxecto aprobado polo anterior goberno local contemplaba o tallado da totalidade dos piñeiros e a plantación de novas especies. Con todo, un informe elaborado por técnicos da Estación Fitopatológica, que visitaron Sanxenxo para revisar o estado de varias especies, recomendaba a conservación dos piñeiros.
Seguindo esta recomendación, as concellerías de Medio Ambiente e Urbanismo elaboraron un proxecto alternativo que permite salvar o maior número posible de árbores.