Pontevedra porá en valor a 'cidade 30' co gallo do Día mundial contra a violencia viaria
Por Redacción
Nos últimos cinco anos non houbo mortos nas estradas da cidade. Desde 2007 foron só tres. E nos dez anos anteriores a esa data rexistráronse ata trinta falecidos. E os feridos graves pasaron dos 129 que houbo no aos quince do pasado ano.
Son os datos que, segundo o goberno municipal, avalan a transformación que viviu a cidade nos últimos anos en materia de accesibilidade e de seguridade viaria. Por iso, co gallo do Día mundial contra a violencia viaria, o Concello organizou un acto conmemorativo en lembranza das vítimas que perderon a vida nas estradas do país.
Organizado en colaboración coa asociación Stop Accidentes, este acto terá lugar o domingo 20 de novembro, a partir das doce do mediodía, diante da vella casa consistorial da Praza de España. Será baixo o título Nas cidades, velocidade 30.
Nel, a presidenta de Stop Accidentes, Jeanne Picard, lerá o manifesto oficial da xornada e o alcalde, Miguel Fernández Lores, tomará a palabra para falar dos pasos dados en Pontevedra para acadar o obxectivo de cero vítimas por accidentes de tráfico.
O Seminario Permanente de Jazz porá a música no acto.
No ano 2010, Pontevedra converteuse na primeira cidade do Estado español, e ata agora a única, que ten velocidade 30 en todo o termo municipal.
Relacionadas:
-
Pontevedra recorda ás vítimas da "violencia viaria" presumindo de "cidade 30"
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Pontevedra, referencia para os municipios españois na redución da velocidade nas cidades
Por Redacción |
-
O modelo urbano de Pontevedra interesa a Vilanova de Famaliçao
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Tonucci: "Os nenos son peóns e nada máis. Se a cidade non é axeitada para os peóns, resultan excluídos"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |