A Deputación presenta un orzamento "profundamente continuista"
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (PSdeG) e o vicepresidente, César Mosquera (BNG), ofreceron este mércores unha rolda de prensa conxunta para presentar o orzamento da administración provincial para 2017 que alcanza os 152 millóns de euros, o que supón un incremento do 0,27% con respecto ao anterior exercicio.
Carmela Silva destacou que as contas provinciais atenden a unha serie de obxectivos principais como son manter a autonomía municipal, o emprego, a igualdade, a cohesión social e as infraestruturas.
Pola súa banda Mosquera explicou que o orzamento é "profundamente continuista" xa que están a aplicar o programa de goberno que aprobaron o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego ao principio do mandato. "Malo sería se o goberno estivese a cambiar cada ano de liña de actuación", afirmou.
Unha "folla de ruta" da que aseguraron ambos os dirixentes estar "moi contentos" e que lles levou a ser a primeira deputación galega en presentar os seus orzamentos, algo que é, segundo César Mosquera, "un claro indicador da solvencia e boa xestión deste goberno" do que dixo, "ten unha saúde de ferro".
O goberno provincial dispón de algo máis de 70 millóns de euros para organizar o gasto, se se descontan do orzamento as partidas reservadas para os gastos correntes, para o pago do persoal da institución, o fondo de continxencias e o pago da débeda.
Deste diñeiro a Deputación destina o 85% do total de gasto que ten dispoñible ás entidades locais, en concreto, respecto ao denominado Plan Concellos dedica partidas por 41,2 millóns, o que supón un incremento dun 1% máis que en 2016.
REPARTICIÓN DE FONDOS DO PLAN CONCELLOS
A presidenta Carmela Silva anunciou que no próximo orzamento contémplase unha modificación na repartición dos fondos do Plan Concellos co propósito de beneficiar máis a aqueles concellos que menos habitantes teñen e con máis dificultades para garantir certos servizos básicos.
Segundo avanzou na rolda de prensa repartirase un 40% do Plan aos municipios de menos de dez mil habitantes, un 35% aos que teñen entre dez e vinte mil e un 30% aos que teñen entre vinte mil e cincuenta mil habitantes. Isto supón que a repartición medra un 10% entre os concellos de menos de dez mil habitantes.