Ecobueu chega á súa oitava edición este domingo na praza Massó
Por Redacción
A praza Massó de Bueu acollerá este domingo 20 de novembro a oitava edición do Ecobueu, o mercado ecolóxico que foi concibido como unha fórmula para recuperar a praza como lugar de compra e de intercambio de relacións sociais e de compra.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo; a técnica de desenvolvemento local, Sonia Cabodevila; e Luz Gómez, de Horta Agrelo, presentaron este martes en rolda de prensa a nova edición destacando que a cultura ecolóxica "está xa moi arraigada na nosa vila, tanto a través destes mercados como na apertura de establecementos".
O mercado ecolóxico pasou a ser xa un referente no sector ecolóxico e artesán da contorna e este domingo acollerá medio cento de postos de hortalizas, sementes, fungos, conservas, panadería e restauración, queixos, viños, marmeladas, mel, artesanía, cosmética, pesca sostible ou carne ecolóxica.
Os postos estará abertos a partir das 10.30 horas. A continuación, ás 12.00 horas, terá lugar o obradoiro de petiscos doces e salgados, a cargo do establecemento de Pontevedra A Tenda da Gata, no que se elaborarán galletas de chocolate ecolóxicas. Además, haberá unha degustación de queixo con mel por parte da Cooperativa Caprina Galega e de Casa Dourada.
A partir das 13.30 haberá unha actuación musical do grupo de gaitas Os Axouxeiros de Moaña, para dar paso a partir das 14.00 horas á presentación da Festa do Boi de Allariz e a degustación de especialidades con carne de boi na carpa gastronómica, na que se poderán degustar diversas variedades elaboradas con boi, ademais dunha charla sobre a festa en si e a iniciativa de recuperación do boi no municipio ourensán.
Pola tarde, ás 17 horas, Horta Agrelo desenvolverá o obradoiro de elaboración do Señor Cabeza de Pasto, no que se confeccionará un boneco verde con elementos da natureza ademais dun polbo con elementos reciclados e ás 18 .00 horas será o turno da representación da obra inantil A bruxa Maruxa, a cargo da compañía Pinga Teatro.
Outra das novidades desta edición é o percorrido literario que realizará Servando Barreiro co seu acordeón cantando historia de A música das árbores, un libro disco editado pola Editorial Galaxia que conxuga a narración, a música e a poesía para falarnos da posibilidade dun mundo onde os seus habitantes vivan en harmonía e onde os problemas se amañen facendo falar os corazóns.