Quince voluntarios conforman a xestora da agrupación de Protección Civil Oitavén-Tea
Por Redacción
O salón de plenos do consistorio da Lama serviu de escenario para acoller unha nova reunión da comisión mixta da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea na que participaron os alcaldes dos municipios de Mondariz, Covelo, Mondariz-Balneario, Fornelos de Montes e A Lama.
A esta reunión asistiron dúas persoas por cada un dos cinco municipios que inicialmente compoñen esta agrupación de voluntarios de Protección Civil e no transcurso da mesma elixiuse entre a quincena de voluntarios asistentes, todos eles co curso que lle capacita para ser voluntario operativo de Protección Civil, a Marcos Fontaíña González como presidente e a Eva María Lage Suárez como tesoureira da xunta xestora.
A partir de agora abrirase un prazo máximo de cinco meses para a captación de voluntarios que lles permita crear unha xunta electoral que recolla as candidaturas daquelas persoas que queiran formar a futura xunta directiva.
Para poder comezar a estar operativo este servizo nos cinco municipios que compoñen esta agrupación, o trámite que se seguirá será a súa inscrición inmediata no Rexistro de Agrupacións de Protección Civil da Xunta de Galicia para que no prazo máis breve posible poidan iniciar a súa actividade.
A agrupación de voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea terá dúas bases operativas, unha en Mondariz e outra na Lama para garantir unha mellor cobertura da ampla zona a cubrir e coa intención de administrar dunha forma máis eficiente os recursos dos que dispoñerán estes voluntarios.