Unha empresa especializada limpará o vertedoiro ilegal de Cons tras anos de queixas veciñais
Por Redacción
Restos de obras, colchóns, electrodomésticos, estruturas de diferentes materiais ou uralitas de tellados atópanse esparexidos ao longo de varios metros por un desvío dunha estrada da parroquia pontevedresa de Mourente, nas proximidades das instalacións deportivas do Casino Mercantil.
É o coñecido como vertedoiro ilegal de Cons. Leva así, polo menos, desde hai cinco anos e acumula centos de quilos de lixo. Os veciños desta zona aseguran ter denunciado esta situación en reiteradas ocasións no Concello de Pontevedra, ao entender que este vertedoiro incontrolado é un foco de infección.
Ata agora, as súas protestas non foran atendidas. Pero o goberno municipal asegura que se resolverá moi pronto. Tras unha complexa tramitación administrativa, xa se iniciou o procedemento para contratar os traballos de limpeza.
Segundo Carme da Silva, todo este material deberá ser retirado por unha empresa especializada -ao haber uralitas, un material que pode contar con amianto-. Os traballos custarán uns 50.000 euros. Esta factura que, inicialmente pagaraa o Concello, será xirada ao dono do solar.
Esta cuestión, segundo a edil de Urbanismo, é o que complicou esta actuación. Ao tratarse dunha propiedade privada, os técnicos municipais tiveron primeiro que identificar ao seu titular. Ademais, abriuse tamén o correspondente expediente sancionar no departamento de disciplina urbanística.