O Concello de Ponte Caldelas advirte a Abanca que retirará as súas contas se se producen desafiuzamentos
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas volveu reiterar aos responsables de Abanca que cancelará as súas contas e retirará os fondos municipais desta entidade se se producen desafiuzamentos de afectados polo impago das hipotecas.
Trátase dunha esixencia que xa se produciu ao comezo do mandato municipal e que agora se reitera despois de que o alcalde, Andrés Díaz, tivera que mediar nos últimos meses con outras dúas entidades que tiñan iniciado o lanzamento dos afectados.
Abanca deu garantías de que os casos máis sensibles, produto do impacto social da crise económica, foron resoltos con acordos entre as partes e medidas de flexibilización, polo que non houbo ningún desafiuzamento. Diante destes datos, o goberno local, integrado pola coalición dos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, decidiu continuar traballando con esta entidade financeira.
O equipo de goberno caldelán aposta moi forte polas políticas sociais e iso exprésase na rebaixa ou eliminación de taxas por servizos municipais, como sucede coas de abastecemento de auga, vehículos de tracción mecánica ou uso do pavillón municipal, e con axudas directas ás familias en risco de exclusión social para emerxencias ou adquisición de alimentos. Ademais, esixe que as empresas coas que o Concello contrata manteñan tamén un compromiso ético e de apoio ás persoas.
Andrés Díaz explicou que os resultados da mediación realizada diante doutras dúas entidades bancarias foron satisfactorios. Trátase de entidades coas que o Concello non mantén relación comercial algunha. "Ata agora non se produciu ningún caso máis", explica o rexidor, "pero estaremos atentos".
O grupo de goberno caldelán observa que hai un crecemento na demanda de vivenda na vila e está a traballar na aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Confía en que saia adiante con axilidade unha vez que o proxecto, adaptado á nova Lei do Solo, sexa presentado diante Xunta de Galicia. Unha demanda que ten moito que ver co feito de que tras varios anos de perda de poboación, o municipio creceu en máis de 100 veciños durante o último ano, a pesar de que o saldo vexetativo foi negativo.