Marea avanza o seu "non" ao orzamento municipal: "Son receitas que asumiría Donald Trump"
Por Alejandro Espiño
O BNG necesita algún aliado para aprobar o orzamento municipal de 2017, pero parece que un deles non vai ser Marea. O seu portavoz no Concello, Luís Rei, asegurou que o seu partido non se marca "liñas vermellas", pero engade que non votarán a favor das contas do próximo ano se non se inclúen unha serie de propostas irrenunciables para eles.
Dentro desas iniciativas inclúen algunhas que, salvo sorpresa, os nacionalistas non apoiarán como así o manifestaron de forma reiterada nos últimos meses.
Así, Luís Rei volveu a esixir que o Concello rescate os contratos de recollida de lixos e de abastecemento de auga e remunicipalice ambos os servizos. Sería un primeiro paso para acabar coas externalizacións de servizos básicos que, segundo apuntou, consomen 19 millóns de euros anuais.
Ademais, lamentan que o BNG opte por seguir mantendo paralizado o PXOM ou que a partida para o transporte urbano se limite aos 80.000 euros cos que subvenciona o autobús a Monte Porreiro.
Xunto a estas cuestións, Marea reclama que se aprobe unha renda social mínima para familias en risco de exclusión social. A súa proposta serviría, segundo explicaron, para axudar a unhas 200 familias, que recibirían uns 620 euros mensuais para adquirir produtos de primeira necesidade, pagar a súa vivenda ou afrontar o pago de subministracións como a luz ou o gas.
Esta cuestión, sinalan, debería ser prioritaria nun concello onde, segundo o Instituto Galego de Estatística, hai case 20.000 persoas con escasos recursos e no que o gasto social, como reflicte un informe do Ministerio de Facenda, é un dos máis baixos de España.
Con esta situación, Luís Rei destacou que o orzamento municipal é un "menú de comida caducada" ao presentar "pratos do ano anterior" e non ofrecer propostas novas. "Se veñen con receitas que asumiría Donald Trump que non chamen á nosa porta", dixo.
Relacionadas:
-
O Concello non desbota vincular a aprobación do orzamento a unha moción de confianza
Por Alejandro Espiño |
-
Reunión "positiva" entre BNG e PP para negociar o orzamento municipal de 2017
Por Alejandro Espiño |
-
María Rey votará non ao orzamento por ser "poco participativo, poco ambicioso y poco equilibrado"
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello encargará un estudo para implantar o transporte público a demanda no rural
Por Alejandro Espiño |
-
O Consello Económico e Social analiza o borrador dos orzamentos municipais
Por Redacción |
-
Vontade de diálogo entre goberno e oposición para negociar o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños tamén poderán facer achegas ao orzamento municipal
Por Alejandro Espiño |