María Rey votará non ao orzamento por ser "poco participativo, poco ambicioso y poco equilibrado"
Por Alejandro Espiño
Redúcenselle as opcións ao BNG para sacar adiante o orzamento de 2017. Tras a negativa de Marea a aprobalo tal e como foi presentado polo Concello, agora foi a portavoz de Cidadáns, María Rey, a que avanzou o seu voto en contra ás contas municipais do próximo ano. "Votaremos no al BNG", explicou en rolda de prensa.
María Rey explicou que o orzamento presentado polo goberno municipal é "poco participativo" e lamentou, entre outras cuestións, que o Consello Económico e Social (CES) non tivese un papel "activo" na súa confección. Ademais, considera que é "poco ambicioso" e que non reflicte os problemas que ten Pontevedra.
A portavoz ve tamén que se trata dun orzamento "poco equilibrado" entre as diferentes partidas que se inclúen, deixando pouco espazo para a promoción económica, o rural ou os servizos sociais.
Neste sentido, Rey avanzou que o seu partido presentará unha serie de emendas parciais aos orzamentos, valoradas nun millón de euros, para lograr que se inclúa un programa de apoio aos emprendedores e empresarios pontevedreses para a creación de emprego ou para a contratación de máis traballadores para os servizos sociais municipais.
Iso si, a líder de Cidadáns en Pontevedra avanzou que aínda que o BNG acepte estas emendas ao orzamento o seu voto contrario aos orzamentos é "definitivo" e non se absterán en ningún caso.