Malestar veciñal polo abandono dos xardíns na contorna da Praza dos Canos
Por Redacción
Os veciños da contorna da Praza dos Canos, un espazo de recente creación nas proximidades da rúa José Malvar, denuncian o estado de abandono que ofrece esta zona da cidade. Sinalan que, polo momento, este espazo carece de equipamentos públicos.
Con todo, a praza está a ser utilizada polos donos de cans para que as súas mascotas realicen as súas necesidades sen que despois sexan retiradas. Segundo comenta algún dos veciños, "un simple paseo en bicicleta para os nenos convértese nunha aventura antiminas para evitar pisar as cacas" que se atopan ao longo da praza. Por iso reclaman do goberno local unha maior atención e limpeza nesta zona.
Ademais, apuntan a que non se está realizando o traballo de control da vexetación ornamental por parte da brigada de parques e xardíns. Aseguran que de oito árbores que foron replantandos neste espazo só a metade non secaron e que medran as malas herbas en diferentes recunchos.
Ademais sinalan que os parterres de plantas atópanse cheos de latas e de botellas de vidro que son abandonadas por xente que utiliza esta praza para beber alcol. Os veciños denuncian que aínda non se instalaron papeleiras nesta zona da cidade e reclaman a rápida intervención por parte do Concello.