As farmacias de Pontevedra inician unha campaña para axudar os pacientes a tomar os medicamentos
Por Redacción
A Organización Mundial da Saúde (OMS) alerta de que só o 50% dos pacientes crónicos cumpre co seu tratamento. O incumprimento do establecido para tomar a medicación en enfermidades crónicas como a hipertensión ou a diabetes termina derivando nun problema de saúde pública no que é preciso que se centren os esforzos de profesionais sanitarios e tamén das institucións.
Os pacientes con adherencia baixa ou moderada ao tratamento teñen 1,8 e 1,4 veces máis risco de accidentes cardiovasculares que o grupo que si segue as pautas establecidas, segundo un estudo realizado en maio de 2016
A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, afirma que van iniciar unha campaña para axudar aos pacientes que non toman os seus medicamentos para evitar os problemas que xera esta situación.
O programa "Intervención do farmacéutico no cumprimento farmacoterapéutico" ten como obxectivo mellorar a adherencia dos pacientes da provincia ao seu tratamento. Nesta campaña utilizarán unha aplicación móbil denominada expertSalud.
O programa iníciase desde este luns en 63 farmacias da provincia que, levarán a cabo diferentes intervencións cos pacientes que estean a tratamento con medicamentos para diabetes e para hipertensión desde hai máis de dous meses e que, voluntariamente, queiran participar.
A campaña terá unha duración de tres meses e, a través, do contacto directo na farmacia tentaranse evitar situacións de risco que finalicen en ingresos hospitalarios e visitas a urxencias.