O goberno local de Marín garante que todas as cámaras de frío do Mercado de Abastos xa funcionan
Por Redacción
O goberno local de Marín saíu ao paso das denuncias efectuadas pola portavoz do BNG, Pilar Blanco, que denunciaba que as instalacións do Mercado de Abastos levaban máis de dous meses sen cámara de frío.
A concelleira de Turismo e Comercio Cristina Acuña indica que a única cámara estragada é a neveira que garda o peixe salgado e que só estivo algo máis dun mes pendente de reparación.
Sinalan que os técnicos tiveron que elaborar a peza que se estraga e por ese motivo, atrasouse o arranxo. En todo caso, apuntan desde o Concello, a neveira xa se atopa en funcionamento. Indican tamén que á única pescantina que a utiliza non se lle cobrou o servizo, aínda que gardaba alí o peixe.
Tamén foi revisada outra das cámaras de frío porque realizaba ruído. As aspas do ventilador atopábanse gastadas e cambiáronse, segundo indicou a concelleira marinense Cristina Acuña.