Carballedo e Tenorio acollerán ata nove actividades para conmemorar o 25-N
Por Redacción
O día internacional contra a violencia sobre a muller tamén se conmemorará en Cerdedo-Cotobade. O Concello está a ultimar un amplo programa de actividades que se desenvolverán ao longo deste mes de novembro e que culminará o día 25, coincidindo con esta efeméride.
Serán nove propostas para concienciar no respecto ás mulleres e na igualdade de xénero. Así, haberá concursos para a mocidade, obradoiros, charlas e coloquios, contacontos, unha andaina e o acto central con lectura dun manifesto e a colocación dunha pancarta.
As actividades arrancarán con dous concursos de postais e fotografía para a mocidade. Haberá un certame de postais para os nenos de 8 a 11 anos orientado aos escolares dos colexios de Carballedo e Tenorio. Terán que elaborar as súas creacións contra a violencia de xénero cun lema en galego ata o vindeiro venres, data na que serán recollidas por persoal municipal.
Haberá un primeiro premio dun lote de material e libros valorado en 75 euros e un segundo taxado en 50 euros. Ademais, estes dous traballos servirán de portada e contraportada ao tríptico municipal de apoio ás mulleres.
Paralelamente, xa está en marcha o concurso de fotografía, para mozos de 12 a 18 anos, que deberán presentar as súas imaxes no enderezo electrónico cultura@concellodecotobade.org ata o vindeiro venres ás 14.00 horas.
Os traballos deberán acompañarse dun lema en galego e o gañador recibirá unha tablet valorada en 150 euros e será a imaxe do cartel da campaña municipal de prevención da violencia de xénero.
Xa nas portas do 25-N, o Concello porá en marcha o obradoiro de autoestima para mulleres "Gústate. Quérete", que é de inscrición gratuíta e contén 30 horas de formación que se impartirán os mércores e venres de 18.00 a 20.30 horas. Esta actividade, organizada polos servizos sociais e que comezará o día 23, ten aberta a matrícula ata o día 18 nas oficinas do concello ou chamando á extensión 2 do teléfono 986 760001.
Na fin de semana que arranca no Día Internacional contra a Violencia de Xénero, as actividades comezarán o venres 25 cun obradoiro de defensa persoal impartido polo instrutor Antonio Garrido, da escola Muay Thai Academy. Será de 11.00 a 12.00 horas na Praza do Concello.
A continuación, no mesmo lugar, procederase á lectura dun poema-manifesto e á exposición dunha pancarta conmemorativa contra a violencia de xénero coa presenza do presidente, Jorge Cubela, e doutros representantes municipais.
O sábado 26, a Praza do Concello acollerá, dende as 17.30 horas, o contacontos da igualdade "Arturo e Clementina", orientado ao público infantil, e posteriormente a charla-coloquio "Polos bos tratos" sobre prevención e accións contra a violencia de xénero. Esta actividade repetirase dende as 19.30 horas na Casa do Pobo de Tenorio.
Finalmente, o domingo 27 celebrarase unha andaina en defensa das mulleres percorrendo o denominado Roteiro das Buratas. Esta camiñada reivindicativa, que se desenvolverá de 11.30 a 13.30 horas, comezará na área recreativa do Pozo Negro e, durante a mesma, todos os participantes soltarán un globo en lembranza das vítimas de violencia de xénero.