Frío, nubes e choivas
Por Redacción
A previsión de Meteogalicia para os próximos días na nosa comunidade trae frío, nubes, choivas e ata neve, esta última en Lugo.
O instituto meteorolóxico prognostica que Galicia situarase na área intermedia entre baixas presións localizadas no continente europeo e as altas presións procedentes de Atlántico, enviando ventos de compoñente norte.
Deste xeito teremos en xeral o ceo parcialmente nubrado e chuvascos que afectarán principalmente á metade norte, aínda que ocasionalmente poden suceder en puntos das Rías Baixas.
Durante a xornada do martes, Galicia continuará nunha zona intermedia entre o anticiclón dos Azores e as borrascas que se moven polo Atlántico Norte; xa pola noite unha fronte activa achegarase polo noroeste aumentando a inestabilidade. O día virá caracterizado por intervalos de nubes e algúns chuvascos débiles máis probables pola mañá, a cota de neve situarase en 1200 metros nas primeiras horas, ascendendo rapidamente. Pola noite aumentarán as nubes, comezando polo noroeste, con choivas que poden ser ocasionalmente moderadas e que se irá estendendo cara á madrugada do mércores. As temperaturas mínimas non terán cambios significativos mentres que as máximas ascenderán. Os ventos soprarán de compoñente oeste frouxos pola mañá, rolando progresivamente a suroeste e conseguindo intervalos fortes no litoral.
Despois do paso dunha fronte durante a madrugada e primeiras horas do día, na xornada do mércores Galicia irá quedando baixo influencia anticiclónica con ventos de compoñente norte. Pola mañá predominarán os ceos nubrados con chuvascos e choivas máis persistentes a provincia de Pontevedra; xa a medida que avance a xornada as precipitacións irán remitindo, quedando restrinxidas, de maneira feble e ocasional, na metade norte, con apertura de claros. As temperaturas sufrirán un ascenso máis acusado nas mínimas. Os ventos soprarán de compoñente norte, frouxos con algúns intervalos de moderado.