A próxima semana iníciase a obra de urbanización da rúa Ponte Zapal
Por Redacción
O Concello de Marín acaba de anunciar que a próxima semana iníciase a obra de urbanización da rúa Ponte Zapal despois de que a Xunta de Goberno local aprobase a adxudicación das obras da reconstrución da ponte e urbanización da rúa hai unhas semanas.
As obras resolverán a problemática que na actualidade presenta a zona, tanto desde o punto de vista funcional como da urbanización; onde a capacidade mecánica da ponte e de desaugadoiro non se corresponden coas necesidades reais.
Á súa vez a calidade da urbanización da zona desmerece a importancia da entrada histórica da poboación.
Nos últimos anos a zona da contorna do río Lameira está a sufrir profundos cambios urbanos, e o que era unha zona degradada está a recuperarse como unha área de especial interese de esparexemento e de comunicación.
Así a construción do novo centro de saúde e as zonas recuperadas da canle están a xerar novas vías de comunicación e fluxo dos veciños que ata hai poucos anos eran inexistentes.
A ponte da actualidade é un pequeno pontón construído con viguetas prefabricadas e bovedillas, pero historicamente era un punto de entrada á poboación que presumiblemente se resolvía mediante unha zona de vadeo mediante unha pontella inundable. Isto dedúcese pola presenza da antiga cimentación a cal será respectada e integrada na ponte que se proxecta.
Por tanto a rúa Ponte Zapal resulta inundable para períodos de retorno superiores á máxima crecida ordinaria, co que a súa solución deberá asumir a inundabilidade da zona xa que resulta imposible subir a altura do taboleiro debido a cota existentes das vivendas da zona.
Con respecto á rede de saneamento, no proxecto contémplase a eliminación de verteduras ao colector conectando a rede procedente da rúa Busto coa rúa Calzada, xerando para iso unha descarga adecuada da rede de augas pluviais.
A rede de abastecemento prolongarase, conectándoa co anel de media presión da rúa Alcalde José do Río e dotándoa dunha rede de válvulas que mellore o seu funcionamento e xestión.
Á zona dotaráselle dunha iluminación eficiente e estética mediante uns farois de primeira calidade, soterrándose tamén a liña de iluminación eliminando os postes actuais. Nas actuacións da rede de electricidade contémplase a previsión do soterrado da liña de media tensión, mediante a construción dunha condución capaz de aloxar a futura liña.
O pavimento será singular e semellante ao empregado noutras vilas con pasados históricos, para iso construirase un pavimento de lastras en geometía de punta de lanza enmarcados nun lousado de laxas de pedra de oito centímetros de espesor.
A obra segundo o prego de condicións que rexe esta licitación foi adxudicada por un importe de 188.639,00 euros e está cofinanciada polo Plan Concellos que destina a Deputación Provincial para os concellos e polo Ministerio de Fomento en canto ás actuacións de rexeneración urbana que se contemplan na área de Rehabilitación Integral do casco antigo.
É unha obra importante pola contorna, pola mellora substancial do casco antigo e porque vai complementando o esforzo económico e investidor que se está realizando na mellora da mobilidade urbana levada a cabo en todo o centro urbano de Marín, finalizándose recentemente as obras de urbanización da rúa Concepción Arenal nun dos seus tramos e estando xa en marcha a redacción dalgúns proxectos doutros tramos desta rúa que se pretende sacar adiante nos próximos dous anos.
Relacionadas:
-
As obras en Ponte Zapal sacan á luz restos da antiga muralla de Marín
Por Redacción |
-
16.000 euros para a mellora do sendeiro azul 'A ruta das praias' de Marín
Por Redacción |
-
Máis de 188.000 euros para reconstruir a ponte e a urbanización de Ponte Zapal en Marín
Por Redacción |
-
O novo centro de saúde esgota as prazas de aparcadoiro na barriada de Virxe do Carme e Ponte Zapal
Por Oskar Viéitez |
-
A apertura de consultas no novo Centro de Saúde de Marín rexístrase sen incidencias
Por Redacción |
-
150.000 euros da Deputación para reconstruír a ponte e urbanizar a rúa Zapal en Marín
Por Redacción |