Máis de 188.000 euros para reconstruir a ponte e a urbanización de Ponte Zapal en Marín
Por Redacción
A contorna do río Lameira está a sufrir múltiples cambios urbanos, sobre todo a partir da construción do novo centro de saúde de Marín. Estas modificacións obrigan ao goberno local de Marín a mellorar esta área como zona de esparexemento e de comunicación. Nese espazo de Ponte Zapal atópase un pequeno "pontón" construído con viguetas prefabricadas e bovediñas.
Historicamente esa zona, segundo o Concello de Marín, era un punto de entrada á poboación que presumiblemente se resolvía mediante unha zona de vadeo. A rúa Ponte Zapal sofre inundacións e existen problemas co desaugadoiro.
Por este motivo, o Concello adxudicou xa as obras de reforma desta contorna cun orzamento superior a 188.000 euros. A empresa Ediperso, S.L. será a encargada de acometer os traballos cofinanciados polo ministerio de Fomento e polo Plan Concellos da Deputación.
A reforma permitirá que a ponte aumente a súa capacidade de descarga ata períodos de retorno comprendidos entre os 25 e os 50 anos. A rede de saneamento contempla a eliminación de verteduras ao colector e xerando unha descarga na rede de augas pluviais. Tamén se prolongará a rede de abastecemento conectándoa co anel de media presión da rúa Alcalde José del Río dotándoa dunha rede de válvulas que mellore o seu funcionamento.
O goberno local ten previsto mellorar a iluminación con farois de primeira calidade e o pavimento. Polo momento, o Concello está pendente da aprobación do control arqueolóxico para poder iniciar os traballos por parte da empresa adxudicataria.
Relacionadas:
-
As obras en Ponte Zapal sacan á luz restos da antiga muralla de Marín
Por Redacción |
-
A próxima semana iníciase a obra de urbanización da rúa Ponte Zapal
Por Redacción |
-
Marín comeza a campaña de poda
Por Oskar Viéitez |
-
O novo centro de saúde esgota as prazas de aparcadoiro na barriada de Virxe do Carme e Ponte Zapal
Por Oskar Viéitez |
-
A apertura de consultas no novo Centro de Saúde de Marín rexístrase sen incidencias
Por Redacción |