Amizade reclama que Pontevedra conte con baños públicos adaptados
Por Redacción
Baños públicos accesibles para as persoas con mobilidade reducida. É a petición que fai a asociación Amizade ao Concello de Pontevedra. Este colectivo considera "necesaria" a existencia deste tipo de equipamentos.
Para afrontar o investimento necesario para a súa instalación, Amizade reclama que se inclúa nos orzamentos de 2017 unha partida para acometer a posta en marcha deste servizo.
Desde esta asociación explican que se as persoas que non teñen mobilidade reducida se atopan con certos problemas á hora de utilizar uns baños de establecementos privados sen consumir, "máis dificultade aínda teñen as persoas con mobilidade reducida".
A esa situación, sinalan os responsables de Amizade, hai que engadir o feito de que a maioría de establecementos privados non contan con baños accesibles. Isto agrávase máis a partir de certas horas da noite nas que a maioría de establecementos pechan as súas portas, momento no que se ven moito máis reducidas as posibilidades de atopar un baño accesible.
Amizade considera ademais que o feito de non contar con baños públicos accesibles "non é beneficioso para a imaxe da cidade" xa que os turistas con discapacidade ou mobilidade reducida "necesitan e agradecen poder contar con este servizo", sobre todo en cidades que non coñecen e nas que non teñen tan doado atopar un establecemento privado que conte con baño accesible.
"Non é función de Amizade analizar cal sería o mellor funcionamento dun servizo destas características pero a nosa experiencia dinos que os baños públicos nos que hai que pagar unha cantidade simbólica para poder usalos adoitan estar bastante limpos e ben conservados", conclúen desde a asociación.