Promoven melloras en bibliotecas escolares de Ponteveda, Poio, Vilanova, Meis e O Grove
Por Redacción
O Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) en centros non universitarios chegará este ano a 17 novos colexios da provincia de Pontevedra, entre eles, cinco de Pontevedra municipio, Vilanova de Arousa, Poio, O Grove e Meis.
Segundo a información facilitada este luns pola Xunta de Galicia, o plan chegará este curso 2016/17 a un total de 615 centros sostidos con fondos públicos, incluídos os colexios concertados.
En concreto, os novos centros que se suman en Pontevedra son o CEIP Plurilingüe de Chancelas de Poio, o CEIP de Viñagrande-Deiro de Vilanova de Arousa, o CEIP Valle-Inclán do Grove, o CRA de Meis, o IES Chano Piñeiro de Forcarei, o CEIP de Reibón de Moaña, o CEIP Humberto Juanes de Nigrán, o CEP Pedro Caselles Beltrán de Tomiño,do CEIP de Randufe de Tui, o CEIP García Barbón de Vigo, o CEIP O Sello de Vigo, o CEIP Plurilingüe Sobreira-Valadares de Vigo, o CEIP Santa Mariña de Vigo e o IES Valadares de Vigo. En centros concertados, únense á iniciativa o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra, o CPR Santo Tomás do Porriño e o CPR Plurilingüe María Auxiliadora de Vigo.
A Consellería de Cultura e Educación financia, con máis de 1,2 millóns de euros, a adquisición de novos fondos documentais, a dotación de mobiliario e equipamento e gastos de funcionamento destes espazos. De feito, no caso destes centros de nova incorporación, as axudas irán destinadas precisamente a estes eidos.
Segundo as cifras do curso 2015/2016, no 94% dos centros PLAMBE, o alumnado fai uso cotián da biblioteca para potenciar a súa aprendizaxe. Ademais, no 93% están integradas as TICs nas diferentes actividades, no 86% dedícase un tempo específico para a lectura en horario lectivo (denominado 'hora de ler') e no 80% promóvense proxectos de innovación educativa.