Se vas aos cemiterios estes días, ten en conta estas medidas
Por Redacción
Este luns 31 de outubro e o martes 1 de novembro, Día de todos os santos, a Policía Local de Pontevedra porá en marcha un operativo especial de tráfico nas inmediacións dos principais cemiterios do municipio para evitar problemas circulatorios derivados da masiva afluencia de cidadáns aos camposantos e igrexas.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, os cemiterios que centrarán a súa intervención serán os municipais de San Amaro e Lérez, os de maior afluencia cada ano nestas xornadas.
En San Amaro, dado o escaso número de prazas de estacionamento que hai na zona, e co fin de facilitar a chegada de todos os coches, desviarase o tráfico nas inmediacións deixando unha vía de entrada e outra de saída para evitar atrancos e retencións.
O acceso ao cemiterio farase dende a rúa San Amaro en dirección á rúa Camposanto, polo que se impedirá o acceso de vehículos procedentes da rúa Pintor Laxeiro cara á rúa Camposanto e o cemiterio. O tráfico estará desviado á altura da rúa Pintor Ricardo Portela con Xoán Carlos I.
En Lérez, permitirase o estacionamento no acceso ao cemiterio e o aparcadoiro, polo que se establecerá un sentido único de circulación. O acceso farase polo interior habitual da zona da Piolla e a saída seguindo esta mesma vía cara á zona do Outeiro. Desde alí accederase novamente á estrada de Campo Lameiro.