O persoal docente e investigador do Campus rompe as negociacións co Reitorado
Por Oskar Viéitez
O comité de empresa do persoal docente e investigador contratado no Campus de Pontevedra denunciou a ruptura unilateral, por parte do equipo reitoral liderado por Salustiano Mato, do proceso de negociación que se mantiña aberto sobre a nova normativa docente (decreto Wert). Fronte a esta situación o comité de empresa xunto coa plataforma de asociados anuncia ademais a "ruptura da lealdade negociadora e colaboradora coa institución".
Estes colectivos de traballadores aseguran que non poden seguir apoiando un equipo reitoral "entregado a defensa de políticas conservadoras e prexudiciais para o futuro da universidade pública e que amosa unha submisión sen recato aos ditados ultraliberais de Europa ao aprobar unha normativa rexeitada pola práctica totalidade das centrais sindicais representadas na mesa de negociación (CIG, UXT, CCOO e CSIF)".
A nova normativa aprobada no último Consello de Goberno "intensifica aínda máis o horario laboral de case 500 profesores" e ademáis critican que suporá "unha grave redución dos estándares da calidade docente".
"Con esta aplicación do decreto Wert os estudantes vanse atopar cunha peor calidade do ensino universitario, ao mesmo tempo que están a sufrir un continuo e arbitrario incremento das taxas académicas", indican nun comunicado conxunto.
Este Comité de Empresa e a Plataforma de Asociados non se responsabilizan das "gravísimas consecuencias e prexuízos que se van producir en forma de cuantiosas perdas de postos de traballo e de desigualdades e desequilibrios laborais".
Diante desta situación de "desfeita da función pública", estes colectivos entenden que non teñen máis opción que iniciar un proceso de mobilización e concienciación, que se verá reflectido nunha campaña de accións sindicais, sociais e académicas, cuxo calendario será convenientemente anunciado nos medios de comunicación.