O Plan Concellos cambiará para "reequilibrar" a provincia tras anos de "caciquismo" de Louzán
Por Alejandro Espiño
Carmela Silva confirmouno. O Plan Concellos cambiará, pero non porque "fora un fracaso senón todo o contrario". A presidenta da Deputación avanzou que o executivo provincial estuda fórmulas para "reequilibrar" a provincia e compensar aos municipios que durante os doce anos de goberno de Rafael Louzán sufriron unha "clarísima discriminación".
"Estou segura de que os alcaldes do PP van a estar preocupados porque fagamos un plan diferente que responda aos desequilibrios que Louzán deixou nesta provincia", afirmou Silva a pregunta dos xornalistas.
En todo caso, a presidenta provincial matizou que "de ningún xeito" trátase de modificar a filosofía dun plan que "non é un éxito, senón que é un exitazo" e que permitiu, segundo destacou, acabar coa libre disposición e o "caciquismo e clientelismo" do goberno do PP, apostando por unha repartición "áxil e transparente" e realizado desde a "legalidade".
Pero ante o comportamento "desleal" do PP con este plan, o goberno que preside Carmela Silva advirte que van analizar "o que fixo mal" Louzán e reequilibrar os fondos que reciben os concellos da provincia.
A presidenta da Deputación puxo como exemplo Poio e A Guarda que, entre 2009 e 2015, "non recibiron axudas nin asinaron ningún convenio", máis aló dos que obriga a lei. Para Silva é "xusto" reequilibrar os investimentos para que todos os concellos poidan ter "os mesmos equipamentos, as mesmas obras, os mesmos servizos e os mesmos dereitos".
Esa é a resposta que deu Carmela Silva tras as últimas críticas recibidas por parte do PP, cuxo portavoz, Ángel Moldes, asegurou que coa rectificación que anuncia do Plan Concellos "está recoñecendo o fracaso absoluto do seu proxecto estrela este ano".
Así, considera que esta decisión "vén a demostrar que o PP non dicía tonterías, que o único grupo que transmitía unha mensaxe real e que representaba a todos os alcaldes da provincia era o noso".
Nesta liña, o popular entende que "é unha rectificación en toda regra, na que dá a razón ao PP", e recorda que desde o primeiro momento os populares criticaron que ese non era o plan que precisaba a provincia e que non representaba a realidade e as necesidades dos concellos.
"Non convencía a ninguén. Se recúan non é por darlle mérito ao PP, é porque os alcaldes socialistas e nacionalistas opinan que é un plan que non funciona, que non chega aos concellos e que tiña moitos segredos", critica o voceiro.
Por iso, Ángel Moldes defende que "é momento de que aposten por un reparto novo dos fondos e que o fagan con diálogo", e insiste en que a mellor opción é que a presidenta convoque a todos os alcaldes para crear unha comisión na que decidir por maioría as liñas xerais de reparto dos recursos económicos e a cantidade que a institución provincial destina aos concellos.
Relacionadas:
-
O 2016 foi un "ano fantástico" para a Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Cales foron os concellos máis beneficiados polo 'dedo' de Louzán?
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación pon en marcha un plan para compensar os concellos prexudicados na etapa de Louzán
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O "exitazo" de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
Os alcaldes do PP métenlle presa á Deputación co reparto dos fondos provinciais do vindeiro ano
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación completa o Plan Concellos con 40 millóns de euros en investimentos
Por Oskar Viéitez |