Convocan unha concentración en Marín para protestar polo "mal ambiente que se respira na Comisaría"
Por Oskar Viéitez
Baixas psicolóxicas, expedientes disciplinarios, falta de policías que fan que haxa días que non poida saír nin un coche patrulla, colas interminables para a tramitación do DNI, un só policía para tomar denuncias, axentes con problemas de mobilidade que van traballar cando deberían estar de baixa para que se poida manter o servizo, a funcionaria do DNI recentemente operada que vai traballar para non ter que pechar a oficina. Estas son algunhas das queixas que traslada a Unión Federal de Policía (UFP) en relación á comisaría de Marín.
Entre outras situacións sinalan que os cidadáns están a facer cola desde a 1 da madrugada para facerse o DNI.
Este sindicato asegura que esta comisaría é unha "polvoreira" que este verán chegou a "situacións de tensión e altercados" que levaron á detención dun cidadán.
Convencidos de que esta situación non se pode manter durante máis tempo porque "non é boa nin para os cidadáns nin para os policías", a UFP decidiu convocar unha concentración de protesta o 25 de novembro fronte á Comisaría de Marín.
A esta extensa lista de queixas suman unha última denuncia máis. A UFP asegura que, desde a Xefatura de Marín, "está a xestionarse pésimamente esta falta de medios policiais".
Segundo explican, desde a chegada da nova xefatura no ano 2011, producíronse 7 baixas psicolóxicas, "demasiadas" para un persoal que rolda a trintena, "quizais non todas sexan achacables á Xefatura, pero non deixa de ser significativo, se a iso lle sumamos 7 expedientes disciplinarios e a constante ameaza de posibles aperturas de máis, cando menos demóstrase que a grave situación de Marín está a ser xestionada pola súa Xefatura coa política dun elefante nunha cacharrería".
Finalmente a UFP sinala que a actitude dos axentes "sobrecargados de traballo" está a ser "máis que responsable". E apunta que compañeiros "que o médico lle asinaría unha baixa sen dubidalo, continúan ao pé do canón para minimizar o caos que sofren os cidadáns, situación que xa é insustentable e debe darlle unha solución".
Advirten que a Xefatura ten que "virar totalmente a súa actitude " para cos axentes e "ser parte da solución e non do problema ou pola contra desde esta organización sindical pediremos o seu cesamento inmediato".