Sanxenxo negocia co Arcebispado o permiso para instalar un parque biosaudable xunto á capela de Aios
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo, que dirixe Coral González-Haba, traballa na instalación dun novo parque biosaudable en Noalla, concretamente nunha zona situada xunto á capela de Aios.
Coral González-Haba dará así resposta a unha petición formulada por veciños desta contorna, que queren gozar das vantaxes destes módulos nun lugar próximo ás súas vivendas.
Con todo, o lugar elixido para a instalación deste novo parque pertence ao Arcebispado de Santiago, que debe autorizar ao Concello de Sanxenxo a colocación dos mencionados módulos. A concelleira quere agradecer publicamente a boa disposición e colaboración prestada polo párroco de Noalla, José Taibo, "que se ofreceu a mediar ante o arcebispado para conseguir os permisos necesarios".
Coral González-Haba confirma que a Concellería de Medio Ambiente ten intención de instalar nesta superficie, anexa á capela, un total de catro módulos que faciliten á poboación de maior idade a práctica de diferentes exercicios, xa que considera que isto contribúe a que dispoñan dunha mellor calidade de vida.