A avenida de Montero Ríos vivirá unha xornada adicada á cultura urbana
Por Redacción
O vindeiro venres, 21 de outubro, entre as 11:30 e as 13:00 horas, a avenida de Montero Ríos de Pontevedra acollerá a clausura do programa DepoRúarte.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, convidou a todos os mozos da provincia a sumarse a esta iniciativa “para que as actividades de socialización ligadas á cultura urbana estean presentes nas administracións”.
O I certame xuvenil DepoRúarte será o colofón da primeira edición do programa do servizo de cohesión social e xuventude e servirá para que mozos da provincia que participaron no mesmo demostren as destrezas adquiridas.
A primeira edición do programa DepoRúarte, cun orzamento de 100.000 euros, tiña por obxectivo fomentar a participación activa da xente nova, de entre 14 e 30 anos dos concellos de menos de 50.000 habitantes, en actividades modernas e innovadoras, dinamizadoras e educativas, atendendo as súas demandas, ofrecéndolles un espazo de encontro e novas alternativas de lecer.
De feito, DepoRúarte contaba con actividades relacionadas coa música e baile, arte urbana, creatividade, deporte e cociña. En total impartíronse 28 cursos nos que participaron 450 alumnos de concellos da provincia.
No I certame DepoRúarte, ademais de poder ver todo o que aprendeu o alumnado participante no programa, incluirá clases maxistrais de grafitti, hip-hop e funky. Ao respecto, a presidenta da Deputación, Carmela Silva manifestou o seu desexo para que "o certame sirva de punto de encontro da mocidade e contribúa a promover, xerar e articular espazos públicos integrais para a xuventude".