Os recibos do lixo que están chegando estes días a Bueu "son de carácter informativo"
Por Redacción
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, quen ocupa o cargo de presidente da Mancomunidad do Morrazo, quixo aclarar que os recibos que están a chegar estes días ás vivendas morracenses, "teñen un carácter informativo".
Estes recibos xurden da revisión do padrón do lixo e que se vén realizando desde fai un ano aproximadamente co obxecto de actualizar as listas.
Os alcaldes de Bueu e Cangas, Félix Juncal e Xosé Manuel Pazos, e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, reuníronse este martes nas dependencias do concello cangués para abordar o asunto da problemática da taxa do lixo.
Juncal quere destacar que "non se está producindo ningunha subida da taxa do lixo, senón que se está actualizando o padrón para detectar os contribuíntes que non estaban dados de alta, algo que é de xustiza social". Isto é así debido a que os concellos veñen asumindo nos últimos anos o custe das subidas no contrato coa empresa encargada da recollida e tratamento do lixo.
De aí xorde a necesidade de buscar un equilibrio financeiro do propio servizo, sendo a prioridade que os padróns estean permanentemente actualizados.
Desde a Mancomunidade infórmase aos interesados que poden presentar as alegacións correspondentes nas oficinas do ORAL municipais para subsanar posibles erros. Con todo, xa se adianta que, ante as diversas casuísticas, a máis común é a de vivendas que tributan como dúas. Neste senso, o criterio que se aplicará, segundo a ordenanza fiscal, é que nas vivendas nas que se acredite a existencia dun só contrato de subministro eléctrico ou de auga, se tributará como unha soa taxa de lixo.
Unha vez que finalice este período de tramitación, emitirase un recibo por carta certificada, que terá xa carácter definitivo e que obrigará ao pago da taxa.