Un grupo de pais urxe a Educación a resolver o expediente por supostas agresións dunha profesora aos seus alumnos
Por Oskar Viéitez
Un grupo de pais de alumnos de oito anos do colexio A Xunqueira 2 de Pontevedra denunciaron hai unhas semanas as supostas agresións físicas e morais que unha profesora do centro estaría a infrinxir a varios dos seus alumnos.
A consecuencia desa denuncia, o servizo de Inspección Educativa da delegación de Pontevedra da Consellería de Educación da Xunta de Galicia abriu unha investigación.
Segundo informaron os propios afectados, os pais solicitan aos técnicos, funcionarios e cargos políticos responsables do devandito expediente que "axilicen ao máximo a súa resolución", posto que entenden que "está en xogo o benestar físico e emocional dos nosos fillos".
Os pais aseguran estar "profundamente preocupados pola lentitude coa que marcha o proceso". Tamén din sentirse "moi decepcionados" coa dirección do colexio, pois na súa opinión "non está a tomar as medidas necesarias para garantir a protección dos nenos".
"Somos conscientes de que se trata dun asunto sumamente delicado, e comprendemos que se deban respectar a presunción de inocencia e os dereitos laborais e a propia honra da profesora que supostamente agrediu aos seus alumnos", afirman os proxenitores antes de apuntar que "estamos convencidos de que o benestar dos menores de idade e a súa protección teñen de prevalecer sobre calquera outra consideración".
Segundo afirman este grupo de 17 pais, estes días están a asistir "con enorme dor e unha insoportable sensación de impotencia" ás mostras de "medo" dos seus fillos, que non queren ir ao colexio e que, "en varios casos, comezaron a manifestar síntomas serios de ansiedade".
"Esta situación está a causar aos nenos unha dor innecesaria, e está nas mans da Consellería de Educación e a dirección do colexio evitalo", engaden estas mesmas fontes.
Por todo iso, os pais exigien á Consellería de Educación non só que axilice todo o posible a tramitación do expediente, senón tamén que de forma cautelar cambie de aula á profesora que supostamente agrediu aos seus alumnos. Neste sentido, queren denunciar que a medida adoptada no seu día consistente en habilitar un profesor de apoio na aula "mostrouse ineficaz", posto que, afirman que "hai momentos nos que este non está e a docente denunciada queda a soas de novo cos escolares. Unha situación que a estes nenos de oito anos fáiselles insustentable".
Os pais aseguran contar co apoio da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do centro, así como da federación de ANPAS de Pontevedra, e non descartan endurecer as súas reivindicacións en próximos días "se a administración non garante dunha vez por todas o benestar e a seguridade persoal dos nosos fillos".
Relacionadas:
-
Preocupación no claustro da Xunqueira II ante as acusacións a unha profesora por maltrato
Por Redacción |
-
Nenos da Xunqueira II non irán a clase se se reincorpora a profesora acusada de maltrato
Por Redacción |
-
Educación avanza na investigación para aclarar a denuncia dun grupo de pais á profesora dos seus fillos
Por Redacción |