Ponte Caldelas recibe novos fondos do Plan Concellos para catro actuacións
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante sendas resolucións presidenciais, catro axudas ao concello de Ponte Caldelas por un valor total de 23.002,48 euros ao abeiro do Plan Concellos 2016.
Trátase, nesta quenda, das seguintes actuacións: 15.502,48 euros para o subministro da estatua á troita, 4.000 euros para a subministración de equipamentos de son e wifi para a Casa da Cultura e a Casa Consistorial da vila, outros 3.000 euros para un investimento en equipos de informática e, por último, 500 euros para un investimento en equipamento da Policía Local.
Ademais destas cantidades, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o concello da comarca de Pontevedra.
En concreto, 316.288,44 euros para unha mellora na pavimentación dos núcleos rurais do concello, a elaboración dun anteproxecto de eficiencia enerxética no alumeado público, concretamente no paseo da Calzada, a mellora dos parques infantís, a mellora da capa de rodaxe do camiño de acceso ás comunidades de monte veciñais en man común de Chaín (na parroquia da Insua) e Barbudo (en Castro Barbudo), a construción de tres muros de contención nos núcleos de Taboadelo, Baltar e Rego do Vargo, o aforro enerxético no lugar de Cuñas e no paseo Manuel Cordo Boullosa, o subministro dunha columna para un punto de luz no paseo da Calzada, unha reforma enerxética na zona da Calzada, un investimento en mobiliario, o subministro dun taboleiro de anuncios e dunha secadora para o pavillón municipal, a mellora de infraestruturas municipais en Vilarchán, Parada, A Insúa e Chaín e o subministro de maquinaria.
Ademais, 17.669 euros destinados ao pagamento de gastos correntes, outros 18.613,45 euros para sufragar unha actuación das Festas das Dores e, por último, 110.106,08 euros destinados á contratación de 14 traballadores que están a desempeñar funcións no concello.
Ata este momento, o Plan Concellos 2016 xa entregou 485.739,45 euros do total destinado a Ponte Caldelas, isto é, o 97,9%.