Nubes e claros no inicio dunha semana na que non se esperan choivas
Por Redacción
Pontevedra despedirá oficialmente o verán con bo tempo, aínda que no inicio de semana as nubes tamén terán o seu protagonismo.
Segundo a predición de Meteogalicia, as Rías Baixas arrincarán a semana con "alternancia de períodos de ceos con nubes e claros con outros pouco nubrados ou despexados" e con temperaturas agradables, que descenderán moderadamente pero que chegarán aos 25 graos de máxima na capital da provincia.
Pese ao bo tempo, o mércores espérase a aparición de néboas matinais "posiblemente persistentes".
Este período de certa estabilidade manterase durante toda a semana xa que a partir do xoves predominará a influencia anticiclónica e "as probabilidades de choiva serán baixas".
O que si advirte o servizo de predición meteorolóxica é que a oscilación térmica entre máximas e mínimas será grande, especialmente en zonas do interior.