Recupera 3.000 euros horas despois de tiralos ao colector do lixo
Por Natalia Puga
Unha veciña de Pontevedra de 63 anos foi vítima dunha torpeza e un golpe de sorte no mesmo día que a punto estiveron de facelo perder toda unha fortuna nos tempos que corren, 3.000 euros. A muller tirounos no interior dun sobre a un colector de recollida selectiva de papel e horas máis tarde, ao decatarse do erro, conseguiu recuperalos.
Os feitos aconteceron na tarde do mércores 20 de febreiro na travesía da Eiriña. A muller tiña enriba dunha mesa situada na entrada da súa casa un sobre con 3.000 euros cos que debía pagar os servizos duns obreiros que lle estaban a facer obras na casa. Ao lado, tiña un montón de cartóns para reciclar.
Cando saíu de casa recolleu os cartóns e tirounos ao colector de reciclaxe de cartón e foise a facer varios recados, pero sobre as 20.00 horas da tarde, cando regresou á vivenda para pagar aos traballadores decatouse de que os cartóns seguían alí e o que reciclara era o sobre co diñeiro.
Ao decatarse do seu erro, solicitou a axuda da Policía Local de Pontevedra, que, á súa vez, reclamou no lugar ao persoal da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo no municipio, Cespa. Catro operarios baleiraron o colector por completo e, finalmente, o sobre apareceu intacto, cos 3.000 euros no interior.