Comisan 200 quilos de polbo ilegal en Bueu
Por Redacción
A Garda Civil incautou este venres en Bueu de 200 quilos de polbo cando se transportaba por estrada sen ningún tipo de documentación.
Os feitos sucederon ao mediodía cando unha patrulla de seguridade cidadá interceptou a unha furgoneta que procedía da lonxa.
Na parte traseira atoparon sete capachos con preto de 30 quilos de polbo cada un.
Ao non poder acreditar a procedencia dos cefalópodos, nin presentar a documentación pertinente incumprindo a normativa de tranporte de produtos de pesca, marisqueo e acuicultura, os axentes procederon a comisar o produto, que foi entregado posteriormente ao comedor social de Marín.
Ademais a Garda Civil formulou a correspondente acta-denuncia por unha presunta infracción grave á Lei de Pesca, que será remitida á Delegación Provincial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, ao ser o organismo encargado de tramitar o expediente sancionador.