105 proxectos acceden á primeira convocatoria de axudas para dinamizar o galego
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un total de 105 proxectos de toda a provincia foron aprobados dentro da liña de axudas a entidades para dinamizar o galego. Esta liña de axudas foi convocada pola Deputación, a través do departamento de Cultura e Lingua, por primeira vez neste exercicio. Segundo explicaba o deputado Xosé Leal, responsable desta área, con estas axudas búscase que xurdan iniciativas novas e que ao mesmo tempo reforcen proxectos de longo percorrido. A proposta abriuse tamén a outros sectores como o do comercio.
Segun sinalan desde a Deputación apoiáronse solicitudes de 36 concellos e doutros eventos como o Correlingua, ademais de colaborar con diversas actividades da Real Academia Galega. O montante total alcanza os 470.000 euros durante este exercicio. Leal destacou a defensa que se está facendo pola lingua galega desde a institución provinicial e que se consolidará durante os próximos anos, segundo indicaba.
As axudas céntranse en catro apartados: certames literarios, xornalísticos e teatrais; festivais de música; accións de fomento do galego na cultura, comercio e novas tecnoloxías; e en recoñecemento a persoas e colectivos que aposten polo galego.
Desde a Deputación apoiáronse festivais musicais como o Armadiña Rock por incluír un cartel de grupos nos que predomina a música en galego do mesmo xeito que todas as actividades relacionadas. Por ese motivo recibiu máis de 8.200 euros. Xosé Leal tamén destacou o concerto didáctico músico poético realizado pola Escola de Música de Vilaboa nos centros educativos deste concello do mesmo xeito que as iniciativas que viraron ao redor da figura de Manuel María.