De vello mercado de Estribela a novo centro social de Lourizán
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A reforma integral do vello mercado de Estribela xa está aquí. O primeiro paso para posibilitar a transformación do recinto no futuro centro social de Lourizán é actuar na carnicería que queda nun espazo xa baleiro e o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, anunciou que xa comezaron os traballos.
A reforma integral do edificio ten o obxectivo de que pase a ser un gran centro multiusos no que as distintas asociacións veciñais e colectivos socias da parroquia compartan espazos e servizos, seguindo o modelo da 'Casa Verde', o centro social de Salcedo. Na actualidade, ten un desmantelado mercado na parte baixa e o centro social na alta.
Demetrio Gómez reuniuse en varias ocasións cos representantes sociais co fin de definir dun xeito consensuado o catálogo de necesidades e os pasos a seguir para sacar adiante o novo centro comunitario, un proxecto demandado dende hai anos pola veciñanza da zona. Apuntouse, entre outras suxestións, a necesidade de dispor no novo centro de espazos insonorizados co obxectivo de poder desenvolver actividades musicais e tamén accións simultáneas sen estorbos.
Ademais, os veciños e colectivos ven necesario un espazo amplo, diáfano e multifuncional con equipamento audiovisual para a realización de actividades moi concorridas e o consello parroquial de Lourizán insistiu en que é suficiente cun único despacho-sala de xuntas con armarios individuais para que cada asociación e colectivo garde as súas cousas.
Relacionadas:
-
O PP insiste en revitalizar o mercado de Estribela como transmisor da "esencia mariñeira" da parroquia
Por Redacción |
-
Saen a contratación as obras para converter en Casa de Cultura o vello mercado de Estribela
Por Oskar Viéitez |
-
Xa está listo o proxecto para a reforma do centro social de Estribela
Por Sofía Fernández Fuentes |
-
O PP critica o "desleixo reiterado" do goberno local con Lourizán
Por Redacción |